• 8 de Marzo
   Día Internacional da Muller

• 25 de Novembro
   Día Internacional da eliminación
   da Violencia contra a Muller
vinetaInformación de interese  
Web Concellería
de Igualdade
Web Violencia
   de Xénero
Violencia Sexual
na Xuventude

Información de interese

 
1)    Información xeral sobre a Violencia de Xénero

Definición de Violencia
Tipos de Violencia
Ciclo da Violencia
Recomendacións ante agresións
Saír da Violencia
Dereitos das mulleres vítimas da Violencia de Xénero

2)    Lexislación relacionada coa Violencia de Xénero

--------------------------------------------------------------------------


1. Información xeral sobre a Violencia de Xénero

Definición de Violencia

Na Declaración sobre a Eliminación da Violencia contra a Muller de Nacións Unidas pode lerse que a violencia contra a muller é “todo acto de violencia baseado na pertenenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como privada”.

•  A violencia de xénero é calquera agresión física, psicolóxica ou económica dirixida contra das mulleres polo feito de ser muller, non porque ela teña un modo de comportarse que dea lugar a que isto ocorra.
•  Referímonos aos malos tratos no ámbito doméstico cando esta violencia é exercida polo marido, parella, noivo ou calquera outra persoa coa cal a muller ten relación de parentesco ou afectividade, e ten como resultado para ela un dano ou sufrimento psicolóxico, sexual ou físico.
•  Os malos tratos son un camiño sen retorno, onde as relacións violentas non aparecen accidentalmente nin de xeito imprevisto. Os abusos e chantaxes emocionais poden ser o inicio dun longo proceso cíclico que pode rematar coa morte.
------------------------------------------------------------------------------------------------

Tipos de Violencia

Se na túa relación de parella existen algúns destes comportamentos, estás a vivir unha relación de control e poder, é decir, violenta:
•  Violencia Psicolóxica
•  Ignora a túa presencia, espíate.
Merma a túa estima, insultándote, descalificándote, gritándote, facéndote comentarios degradantes e fóra de ton.
Culpabilízate de calquera problema.
Non respecta a túa opinión e impón sempre a del.
Ameázate e coacciónate.
Violencia Social
•  Íllate do teu contorno social.
Contrólate as relacións familiares e de amizade.
Contróla e critica a túa forma de vestir.
Contrólate as chamadas e todas as actividades.
Humíllate e ponte en evidencia publicamente.
Violencia Económica
•  Non deixa que controles os recursos da economía familiar.
Limítate o diñeiro, entrégate cantidades insuficientes para o mantemento da familia.
Cúlpate de non saber administrar ben o diñeiro.
Impídete que traballes para que no teñas independencia económica.
Se traballas, contrólate o que gañas.
Violencia Sexual
•  Obrígate a manter calquera tipo de contacto ou relación sexual.
Responsabilízate dos embarazos e de enfermidades de transmisión sexual.
Impídete exercer a túa sexualidade libremente.
Acósate con insinuacións sexuais, incomodándote.
Incítate a prostituírte.
Violencia Física
•  Empúxate, golpéate, quéimate, tírate do pelo……Agrédete cun arma
Subir

------------------------------------------------------------------------------------------------

Ciclo da Violencia

As reaccións violentas non aparecen de forma imprevista, senón que forman parte dun longo proceso que acaba nunha pirámide de violencia sen retorno e que leva a un ciclo moi difícil de parar.
•  Este ciclo ten tres fases, que se reiteran cada certo tempo, intercalando períodos de violencia con períodos de afectos e arrepentimentos, pero onde cada vez son máis frecuentes os momentos de agresión e menos os de arrepentimento.
•  1. Fase de Tensión.
•  2. Fase de Agresión.
  3. Fase de Arrepentimento.
•  Ti podes darlle a volta a esta situación!
•  O maltratador intimida, arremete física e psíquicamente. É un delincuente perigoso e non podemos xustificalo e encubrilo.
O alcol, o paro ou as insatisfaccións persoais non xustifican o exercicio da violencia contra as mulleres.
Non esperes a que el “cambie”. Non consintas outra labazada, outro insulto, outra malleira...
Ti non es culpable, ninguén merece que a maltraten. Non hai xustificación posible para os comportamentos violentos.
Recorda
•  Quen maltrata ten un grave problema que lle impide vivir en parella.
A condescendencia e a pasividade non axudan a solucionar este problema que —en lugar de desaparecer— cada vez será máis frecuente e perigoso.
Detente e pensa
•  Non confundas comportamentos posesivos con “Amor”.
Quen te pega ou maltrata non te quere.
Subir

------------------------------------------------------------------------------------------------


Recomendacións ante agresións

1. Ten sempre a man un teléfono de emerxencia ou da policía.
2. Acode a un Centro Sanitario en caso de calquera manifestación de violencia física ou sexual e pide un parte de lesións.
3. Se tes dúbidas acode ao Centro de Información dos Dereitos da Muller para que te asesore en todo o proceso.
4. Se tes que saír da túa casa e necesitas acollemento, recorda que podes utilizar o servizo da Casa de Acollida para Mulleres Maltratadas
tanto para ti coma para os teus fillos e fillas.
5. Presenta unha denuncia ante o Servizo de Atención á Familia (SAF) da Policía Nacional. Non só teñen axentes preparados e preparadas para recoller unha denuncia deste tipo, senón que de xeito inmediato entran na axenda do xulgado de garda ou, no caso de Vigo, no Xulgado de Violencia sobre a Muller Nº 1 e dan citacións a todos e todas, incluída vítima e testemuñas, e valoran a adopción de medidas inmediatas de protección para a vítima.
- É importante que dende o primeiro momento solicites a asistencia dun letrado ou letrada de Violencia de xénero (en cada colexio de avogados e avogadas debe haber unha quenda especial).
- Trata de contar os feitos da forma máis clara e realista posible, dando todos os datos do agresor para facilitar a súa identificación.
- En caso de maltrato físico presenta copia do parte de lesións.
- En caso de perigo, solicita Orde de protección, que será tramitada co xuízo rápido.
- As medidas de protección supoñen, por exemplo:
Acompañamento policial en caso de perigo ou de ter que acudir ao domicilio familiar a recoller calquera das túas cosas.
Retención de armas no caso de que o agresor teña permiso.
Intervención do teu teléfono, sobre todo para controlar ao agresor no caso de que te chame.
Orde de desaloxo do domicilio no caso de que o agresor quede na casa.
Orde de afastamento co obxectivo de que o maltratador non poida achegarse a ti.
No caso de que a quebrante, poderá ser arrestado inmediatamente.
6. Se queres saír da casa debes saber que podes irte sen que isto sexa considerado abandono do fogar, sempre que no prazo de 30 días presentes unha demanda de divorcio no xulgado ou solicites medidas provisionais (estas medidas implican autorización para vivir separados, a custodia dos fillos e fillas, determinación sobre a vivenda e auxilios económicos).

7. Se te vas de casa procura levar documentación tanto túa como dos teus fillos e fillas (DNI ou pasaporte, cartilla sanitaria, permiso de conducir, libro de familia, documentos bancarios, permiso de traballo no caso de non ser española, escrituras...) e obxectos personais básicos.

8. No caso de violencia sexual debes ter en conta:

Acudir a un centro sanitario tan pronto poidas. Se prefires non ir soa , pide a algunha persoa de confianza que te acompañe.
Non te laves nin te cambies de roupa ata despois do recoñecemento médico e a denuncia. Recorda que pode haber moitas probas que serán necesarias na investigación e a denuncia.
Pode que pases por diferentes fases: fase de atordamento e confusión, fase de introversión e recollimento onde tratarás de esquecer o ocorrido. Por iso é importante que busques axuda psicolóxica especializada.
Subir

------------------------------------------------------------------------------------------------


Sair da Violencia
Da Violencia pódese saír!


O que debes saber para actuar e liberarte
- O primeiro é ser consciente do que te está a pasar, recoñecerte como vítima dos malos tratos e darte conta de que ti non es a culpable nin provocas esta situación.
- Non sintas vergonza de falar da túa situación. Expoñer o teu problema axudarate a liberarte del.
- Busca axuda tanto entre as túas amizades como axuda especializada. Servirate para tomar as decisións necesarias.
- Recorda que no Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller poden asesorarte. É un servizo municipal gratuíto onde podes atopar axuda psicolóxica, xurídica e social e informarte dos pasos a seguir.
- O maltrato sobre a nai ten consecuencias directas sobre os fillos e fillas, que posiblemente normalizarán esta situación e a forma de relacións familiares, perpetuando os malos tratos. Será beneficioso para os teus fillos e fillas sair do ámbito da violencia.

- Podes estar segura de que rachar coa situación de maltrato traerá beneficios para ti e para a túa vida.
Beneficios para ti e para a túa vida
Posibilidade de vivir tranquila e sen sobresaltos.
Recuperar a túa autoestima.
Rachar co medo e a vida de terror.
Ofrecer un mellor ambiente, libre de violencia, aos teus fillos e fillas.
Terminar cunha vida submisa e chea de humillacións.
Recuperar o teu sorriso.
Gozar das túas amizades.
Volver a vivir a túa vida sen que ninguén a controle.
Volver a ilusionarte e encher a túa vida de esperanza.



Onde acudir. Recursos e Servizos

Teléfono 24 horas
: 986 293 963
Consulta Xurídica on-line:
E-mail: osnososdereitos.muller@vigo.org
Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller
Teléfono: 986 293 963
Rúa Romil 20, baixo.
Centro de emerxencias para Mulleres Maltratadas
Teléfono: 986 293 963
Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos
Teléfono: 986 222 328
Rúa Oliva, 12, baixo.
Xulgado de Violencia sobre a Muller Nº 1 de Vigo:
Teléfono: 986 817 855
Rúa Lalín, edificio anexo aos Xulgados, 4ª planta
Oficina de Asistencia ás Vítimas do Delito (OVAD):
Teléfono:986 817 850
Rúa Lalín, entrada do edificio anexo aos Xulgados.

------------------------------------------------------------------------------------------------


Dereitos das mulleres vítimas da Violencia de Xénero

Para coñecer se reúnes os requisitos establecidos, para ter dereito a algunha das axudas descritas a continuación, será conveniente que acudas ao Centro Municipal de Información dos dereitos da Muller.

1. Medidas Municipais
O IV Plan Integral de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes de Vigo 2009-2012, aprobado pola Corporación Municipal no mes de novembro de 2009, concreta as liñas de actuación do Concello de Vigo para dar resposta ás mulleres que sofren violencia de xénero.

Así, a área 4 do devandito plan comprende 20 medidas que teñen como finalidade potenciar a sensibilización e a prevención da violencia de xénero e, por outra, mellorar a atención, os recursos, e os servizos a disposición das vítimas.

Descarga o Plan en formato pdf (480 KB)

2. Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero: Lei Orgánica 1/2004
A muller maltratada ten unha serie de dereitos que están recollidos na Lei Orgánica 1/2004, de 28 decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero:
Dereito á información
Tes dereito a recibir toda a información tanto no momento de presentar unha denuncia como posteriormente cando se te notifique a resolución de adopción de medidas de protección.
Dereito á asistencia social integral que abarca os seguintes aspectos:
Información
Atención psicolóxica
Apoio social
Seguimento das reclamacións dos dereitos da muller
Apoio educativo
Formación preventiva nos valores de igualdade
Apoio á formación e inserción laboral.

Dereito a asistencia xurídica gratuíta
Tes dereito a recibir asesoramento xurídico gratuíto no momento inmediatamente previo á interposición da denuncia, e á defensa e representación gratuítas por avogado/a e procurador/a en todos os procesos e procedementos administrativos que teñan causa directa ou indirecta a violencia padecida. Este dereito recoñécese con independencia da existencia de recursos para litigar.

Dereitos laborais
Tes dereito, nos termos previstos no Estatuto dos Traballadores, á:
- Redución de xornada e reordenación do tempo de traballo: Tes dereito a unha redución da xornada, horario flexible ou adaptación ao horario, nos termos do Convenio Colectivo, ou de acordo coa empresa.
- Mobilidade xeográfica. Se tes que abandonar o posto de traballo na localidade onde traballas, para facer efectiva a túa protección ou o teu dereito á asistencia social integral, tes dereito a ocupar outro posto de traballo, do mesmo grupo profesional ou categoría que a empresa teña vacante en calquera outro dos seus centros de traballo.
- En relación coa suspensión e a extinción do contrato de traballo, tes dereito:
A que se consideren “xustificadas” as ausencias ou faltas de puntualidade, motivadas pola túa situación física ou psicolóxica.
Á suspensión do contrato por 6 meses (renovable), con dereito a desemprego e á cotización do período. A non ser despedida polo uso destas medidas.
A extinción do contrato, coa protección do desemprego.
Traballadoras por conta propia. Se te atopas neste caso e te ves na necesidade de cesar na túa actividade para facer efectiva a túa protección ou o teu dereito a asistencia social integral suspenderásete a obriga de cotizar durante un período de 6 meses, que serán considerados como de cotización efectiva a efectos das prestacións da Seguridade Social. Así mesmo, a túa situación será considerada como asimilada ao alta.

Dereitos relativos á protección da Seguridade Social
Nos termos previstos na Lei xeral da seguridade social, a suspensión e a extinción do contrato de traballo previstas no apartado anterior, darán lugar á situación de desemprego. O tempo de suspensión considerarase como período de cotización efectiva a efectos das prestacións de Seguridade Social e de desemprego.
Dereitos económicos
- Tes dereito a recibir unha axuda de pago único se careces de renda superior, en cómputo mensual, ao 75% do salario mínimo interprofesional e sempre que se presuma que polas túas circunstancias persoais terás dificultades para obter un emprego. Esta axuda será o equivalente a ao de seis meses de subsidio por desemprego pero a contía poderá ser superior se tes algunha discapacidadeou se tes responsabilidades familiares. Estas axudas son compatibles coas previstas na Lei de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual.
- Acceso á vivenda e residencias públicas para maiores. Polas túas circunstancias, estarás dentro dos colectivos prioritarios no acceso á vivenda protexida e residencias públicas para maiores.
Incentivos e fomento para o emprego das vítimas de violencia de xénero
Isto levarase a cabo a partir de políticas formativas e bonificacións a empresas que contraten a vítimas de violencia, así como programas de acción específico de emprego para favorecer a actividade por conta propia cando sexan demandantes de emprego.


------------------------------------------------------------------------------------------------

2)    Lexislación relacionada coa Violencia de Xénero


Ámbito autonómico

  • Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. (DOG 07/08/2007). BOE (20/09/2007)

    Lei 12/2016, do 22 de xullo, pola que se modifica a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero (DOG 26/07/2016)

  • Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade. (DOG 17/02/2016)

  • Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento. (DOG 3/10/2016)

Ámbito estatal

 

Ámbito internacional

  • Convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica (Convenio de Estambul), asinado en Estambul o 11 de maio de 2011, entrou en vigor en España o 1 de agosto de 2014. (BOE 6/06/2014)

Subir


imagen agenda
Síguenos en:
Síguenos en Twitter Síguenos en Facebook Síguenos en Youtube Síguenos en Flickr
Máis novas
Máis convocatorias
fondo
© Concello de Vigo. 2008
Praza do Rei nº1-36202-Vigo
Tel.:986 810 100